Thursday 02 de May de 2024

O alcalde visita as obras do párking do Materno e do Oncológico que entran na súa recta final para dar servizo a 1.500 usuarios diarios


Carlos Negreira destaca que a actuación, que estará finalizada no segundo trimestre do ano, cumpre unha demanda histórica, con 366 prazas de aparcadoiro, 60 para persoas con mobilidade reducida e familias, á vez que se mellora a seguridade vial na zona

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, visitou esta mañá as obras do párking do Materno e do Oncológico tras finalizar a execución da estrutura do edificio principal dando paso á última fase das obras -cos traballos de fachada, vial exterior, acabados e instalacións-, para cumprir co obxectivo de que o aparcadoiro entre en funcionamento durante o segundo trimestre deste ano.
“Entramos na última fase das obras, avanzando a bo ritmo e mantendo os prazos para dar resposta, canto antes, a unha demanda de hai moitos anos”, destacou o alcalde, quen engadiu: “Falamos dunha oferta completa, un aparcadoiro con 366 prazas que inclúe todas as melloras posibles de accesibilidade, con 60 espazos reservados a persoas con mobilidade reducida e a familias,”.
Así, o proxecto que xestiona o Concello a través da Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (EMVSA), conta cunha superficie construída de 10.675,15 metros cadrados, con catro plantas e cuberta, situado baixo o vial que dá acceso ao Centro Oncológico de Galicia dende a avenida da Pasaxe. Terá un total de dous accesos e dúas saídas: unha entrada e unha saída están situadas na planta de cuberta do edificio, a segunda entrada está na planta 2, e a segunda saída na planta 0; o que ofrece vantaxes para o funcionamento interno do aparcadoiro á vez que mellorará a fluidez do tráfico exterior.
Das 366 prazas, 40 resérvanse para persoas con mobilidade reducida, 20 para familias con carro de bebé e o resto para vehículos grandes. A distribución por plantas será a seguinte:
. 78 prazas na planta 0.
. 80 prazas na planta 1.
. 78 prazas na planta 2.
. 69 prazas na planta 3.
. 61 prazas na cuberta.
O aparcadoiro en semisoto permite un menor impacto ambiental e, polo tanto, unha infraestrutura máis sostible grazas ao aproveitamento da ventilación e iluminación natural. Ademais, intégrase no ámbito, permitindo a conexión vertical accesible para persoas con mobilidade reducida, dende a parte superior do vial onde se encontra o Centro Oncológico de Galicia ata a parte inferior que dá acceso ao Hospital Materno Infantil; un acceso directo por pasarela dende o aparcadoiro ata o Hospital Materno Infantil; e o vial que sobe ao centro Oncológico de Galicia terá beirarrúa polo lado con menor pendente.
“Trátase dunha actuación integral que, non só cumpre cunha demanda histórica dos usuarios destes centros sanitarios, senón que mellora a mobilidade nos arredores e nos accesos a ambos os dous centros sanitarios, solucionando outro vello problema da zona: a seguridade vial”, destacou Carlos Negreira, quen indicou que o proxecto conta cun investimento de 3,5 millóns de euros.
APARCADOIROS
O alcalde recordou que a cidade contará o próximo ano con tres novos aparcadoiros e máis de 700 prazas de estacionamento entre os párkings Das conchiñas e do Hospital Materno Infantil que executa EMVSA e o primeiro aparcadoiro disuasorio da cidade, que se situará en Lonzas, xunto á Terceira Rolda, e para o que o alcalde acaba de asinar un convenio de colaboración coa Xunta, que se encargará da súa execución.
A maiores, a Concellaría de Infraestruturas está a desenvolver o Plan Conecta Castrillón, que, ademais de lograr a eliminación dos tapóns urbanísticos do barrio, supoñerá a creación de máis de 200 novas prazas de aparcadoiro en superficie; e outras actuacións que tamén inclúen novas prazas como os proxectos de Eirís – Monelos, con 52 novas prazas, ou o da rúa Observatorio, con 12.
“Se a estas actuacións, sumamos as prazas que a Concellaría de Infraestruturas está a crear no Castrillón, Eirís ou rúa Observatorio, falamos de que, neste 2015, poñeremos a disposición dos coruñeses máis de 1.000 novas prazas de aparcadoiro, das que o 40% serán gratuítas”, concluíu o alcalde.